Monday 29 de April de 2024

Máis de 500 persoas participaron no Foro Xuventude en Movemento


Entre as actividades máis rechamantes estivo o “elevator pitch”, un sistema na que os candidatos teñen que mostrar o seu potencial en só uns minutos

O Foro Xuventude en Movemento, organizado por Europe Direct –o centro de información europeo dependente da Deputación– e a Universidade da Coruña pechouse cun auténtico éxito de participación. Máis de 500 persoas inscribíronse en algunha das actividades que se programaron na facultade de Economía e Empresa do campus de Elviña.

Coas distintas actividades programadas neste foro pretendíase dotar aos alumnos e licenciados das destrezas e claves necesarias para incorporarse ao mercado laboral. Neste eido, chamou a atención o elevator pitch, un sistema que pretende preparar aos novos para vender o seu potencial e capacidades de xeito exprés. Para iso, os mozos realizaban un vídeo promocional de si mesmos de só uns minutos de duración.

Entre a vintena de conferencias destacaron as de Xosé Antonio Touriñán e de Anxo Pérez, ambos como exemplo de emprendedores. O primeiro deles, coñecido pola súa faceta coma humorista, explicou a súa historia persoal, mentres que o empresario novo Anxo Pérez, que foi tradutor de departamentos tan importantes como o FBI ou a administración Obama, ofreceu claves aos asistentes de como desenvolver os seus proxectos para que sexan un éxito.

Este foro leva tres anos celebrándose na Coruña e naceu como parte do programa europeo Xuventude en Movemento, un paquete de iniciativas de educación e emprego dirixido a xoves e que dende 2012 forma parte da estratexia Europa 2020 para un crecemento intelixente, sostible e integrador.